luns, 26 de febreiro de 2018

FALLADO O CONCURSO LIDERA-FERROL 2017



A alumna dos PFB, Jennifer Martínez Rodríguez, foi galardonada co 1º premio do Concurso Lidera 2017, do concello de Ferrol, no apartado de fotografía e na categoría de maiores de 21 anos, coa obra A frescura da cerdeira. Parabéns, Jenny!

Enlaces á noticia nos medios de comunicación:

  • http://www.ferrol.gal/Concello/NovasAmpliar/4038
  • http://www.diariodeferrol.com/articulo/ferrol/concello-ferrol-reconece-talento-artistico-da-mocidade/20180221234910217285.html



martes, 20 de febreiro de 2018

INICIO DO PERÍODO DE PRÁCTICAS EN EMPRESA

Un dos obxectivos deste programa é o de garantir unha formación básica e profesionalizante que faga posible a incorporación dos rapaces e rapazas ao mundo laboral. A Formación en Centros de Traballo (FCT) ou Prácticas en empresa é ese complemento indispensable da formación.

Un curso máis xa comezamos esta nova etapa, a das Prácticas. É o momento de demostrar os coñecementos adquiridos nas empresas de formación, e amplialos nun entorno real de produción.

Esta fase é moi importante xa que o alumnado, dende o mes de xaneiro ata o de xuño, e durante tres días á semana, estará nunha empresa cun titor ou titora que lle servirá como referente na súa aprendizaxe, acompañando e titorizando o seu labor.

Ao final desta etapa, o empresario ou empresaria emitirá un informe-valoración de cada un dos alumnos e alumnas. É neste momento (ou antes incluso!) no que o empresariado xa poderá dispor dun persoal ben formado e disposto a traballar.

Rapazada, poñede toda a carne no asador con ilusión e interese, que ao final teredes a recompensa ao voso esforzo. Moito ánimo!!!!!

venres, 2 de febreiro de 2018

OBRADOIRO DE OBSERVACIÓN ASTRONÓMICA


Dentro do programa de Actividades Complementarias e Extraescolares, o pasado día 30 de xaneiro fixemos un Obradoiro de Observación astronómica organizado pola Sociedade Galega de Historia Natural, na Aula Reciclaterra, en Mougá (Ferrol).


Paulino e máis Xosé deleitáronnos cos seus coñecementos, e unha noite de lúa chea e sen nubes foi o colofón a un avistamento de numerosas estrelas, constelacións, galaxias e algún que outro satélite.

Abofé que moitos de nós xa non miraremos ao ceo do mesmo xeito. Que pequeniños somos!!!

Moitas grazas á SGHN e a Paulino e Xosé por brindarnos esta fermosa oportunidade.

CURSO DE PRL E MANIPULADOR/A DE ALIMENTOS

PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS (PRL)

O pasado día 8 de xaneiro comezou un curso de Prevención de Riscos Laborais de 60 horas, dirixido ao alumnado dos perfís de Almacén e Limpeza.

En calquera posto de traballo, é necesario avaliar os posibles riscos aos que os traballadores e traballadoras podan estar expostos, para poder planificar e executar a actividade preventiva.

Con este obxectivo, fundamentalmente preventivo, o alumnado realizará este curso co fin de chegar a ser máis conscientes do seu entorno de traballo, da necesidade dunha boa organización e limpeza do mesmo, así como o correcto manexo de aparellos e produtos, para evitar accidentes innecesarios.

MANIPULADOR/A DE ALIMENTOS

A obtención deste certificado tamén pasa por unhas sesións de formación coas que se pretende dar información sobre a correcta forma de manipular calquer tipo de alimento, e asegurar a hixiene do produto final que se lle ofrece ao cliente.

Este curso xa foi realizado polo alumnado de Cociña e Restauración, Industrias Alimentarias, Comercio e Almacén polo que, xa poden pasar á fase de Prácticas co certificado correspondente.