venres, 2 de febreiro de 2018

OBRADOIRO DE OBSERVACIÓN ASTRONÓMICA


Dentro do programa de Actividades Complementarias e Extraescolares, o pasado día 30 de xaneiro fixemos un Obradoiro de Observación astronómica organizado pola Sociedade Galega de Historia Natural, na Aula Reciclaterra, en Mougá (Ferrol).


Paulino e máis Xosé deleitáronnos cos seus coñecementos, e unha noite de lúa chea e sen nubes foi o colofón a un avistamento de numerosas estrelas, constelacións, galaxias e algún que outro satélite.

Abofé que moitos de nós xa non miraremos ao ceo do mesmo xeito. Que pequeniños somos!!!

Moitas grazas á SGHN e a Paulino e Xosé por brindarnos esta fermosa oportunidade.

CURSO DE PRL E MANIPULADOR/A DE ALIMENTOS

PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS (PRL)

O pasado día 8 de xaneiro comezou un curso de Prevención de Riscos Laborais de 60 horas, dirixido ao alumnado dos perfís de Almacén e Limpeza.

En calquera posto de traballo, é necesario avaliar os posibles riscos aos que os traballadores e traballadoras podan estar expostos, para poder planificar e executar a actividade preventiva.

Con este obxectivo, fundamentalmente preventivo, o alumnado realizará este curso co fin de chegar a ser máis conscientes do seu entorno de traballo, da necesidade dunha boa organización e limpeza do mesmo, así como o correcto manexo de aparellos e produtos, para evitar accidentes innecesarios.

MANIPULADOR/A DE ALIMENTOS

A obtención deste certificado tamén pasa por unhas sesións de formación coas que se pretende dar información sobre a correcta forma de manipular calquer tipo de alimento, e asegurar a hixiene do produto final que se lle ofrece ao cliente.

Este curso xa foi realizado polo alumnado de Cociña e Restauración, Industrias Alimentarias, Comercio e Almacén polo que, xa poden pasar á fase de Prácticas co certificado correspondente.

luns, 11 de decembro de 2017

OBRADOIRO DE IMAXE PERSOAL

Na atención ao público, nunha entrevista de traballo,... é importante dar unha boa imaxe; é a nosa carta de presentación. Coidar o noso aspecto é un factor relevante, sobre todo cando estamos de cara ao público.

Por este motivo, o pasado luns día 4 de decembro asistimos a un obradoiro de Imaxe Persoal no IES Carvalho Calero.

As profesoras e as alumnas do 2º curso do ciclo de grao medio de Estética e Beleza fixeron unha presentación cunhas normas básicas de aseo e coidado persoal, atendendo ás dúbidas que o alumnado lles plantexou.

Como colofón, realizaron un cambio de imaxe de tres alumnas dese curso (na fotografía), onde puxeron en práctica os consellos que nos deron, e que demostra a relevancia que ten un bo aspecto.

O aspecto exterior pregoa a condición interior da persoa (Shakespeare)

luns, 13 de novembro de 2017

ROTEIRO "FERROL REBELDE"

"Ferrol Rebelde" é unha actividade organizada pola concellalía de Participación Cidadá do Concello de Ferrol. Un roteiro por aqueles sitios emblemáticos da historia obreira da cidade e de Galiza dos últimos 100 anos. Os pasados días 23 e 24 de outubro, o alumnado do IES Canido e IES Ferrol Vello realizaron esta actividade, xunto con Olga, a nosa historiadora particular, que ilustrou coma ninguén cada unha das paradas coas súas amenas e rigorosas exposicións.


A nosa cidade é berce dunha longa estirpe de rebeldes que fixeron de Ferrol un referente da dignidade proletaria. O obxectivo é divulgar a historia do pobo traballador, das mulleres e dos homes que loitaron pola conquista dos dereitos democráticos: Amalia Fraguela, Pablo Iglesias (na foto o monumento), Francisco Fernández García-"Pedrosa", o Centro Obreiro de Cultura, Moncho Reboiras, Amador Rey e Daniel Niebla,...


  • NON ESQUEZAMOS ás persoas que loitaron polo que agora vemos con normalidade e sigamos traballando por mellorar: os dereitos dos traballadores e traballadoras, a democracia, a nosa cultura...
  • LOITEMOS por manter todo aquelo polo que tantas persoas perderon a vida, e facerlles xusta homenaxe transmitindo aos nosos fillos e fillas todos estes valores.





mércores, 8 de novembro de 2017

CENTROS DE FORMACIÓN


E coa presentación nos Centros de Formación o día 4 de outubro, rematamos un roteiro que formará parte das vosas vidas ao longo deste curso.

Será nos Centros de Formación onde vos formaredes nun oficio, o que vos permitirá poder acceder a un posto de traballo no mes de xuño (ou antes!!!!)





AGORA DEPENDE DE VÓS QUE TODOS ESTES OBXECTIVOS SE CUMPLAN

MOITO ÁNIMO E MOITA SORTE A TODAS E TODOS!!!!

FORMACIÓN NOS INSTITUTOS


O día 2 do pasado mes de outubro, comezamos a andaina nos respectivos institutos.

Alí recibíronvos os vosos profesores e profesoras, e coñecestes as instalacións que os centros poñen ao voso dispor para o desenvolvemento do curso

ACTO DE INAUGURACIÓN E SINATURA DE CONVENIOS

O pasado día 25 de setembro celebramos a inauguración do curso 2017-2018 cun sinxelo acto no Centro Cultural Carvalho Calero, en Ferrol.

Neste mesmo acto, os Institutos de Educación Secundaria (IES) participantes asinaron un convenio de colaboración coas empresas de formación:
IES Canido                      Gestión Plus
IES de Catabois               Alcampo
                                         Limbes
IES Ferrol Vello               Froiz
IES Fernando Esquío       Rilo